martes, 20 de novembro de 2018

Intelixencia lóxico-matemática

Traballamos a intelixencia lóxico- matemática ao mesmo tempo que xogamos. Parécenos que soamente estamos xogando, pero ademais estamos a aprender moitas cousiñas: clasificamos segundo a cor, buscamos pezas que sexan iguais para que se manteña o equilibrio, intentamos buscar pezas que  poidan entrar polos ocos...

Ademais introducímonos no mundo da robótica. Axudamos ao noso ratonciño a que chegue ao lugar indicado, tiramos o dado, contamos cantos círculos saíron e buscamos o número que representa na base.  Unha vez que o atopamos, contamos cantos cadrados ten que andar o noso ratonciño para chegar ata el. É moi divertido e estamos moi atentos a ver se chega ou necesita que lle volvamos a axudar. Cada vez que chega, necesitamos expresar as nosas emocións cun aplauso xigante. 


Tamén xogamos a introducir as pezas. Nesta situación, simplemente se lles deron as pezas e as bandexas e eles mesmos descubriron que uns pauíños podían levar máis pezas e outros menos, acadando un dos obxectivos da actividade, ao mesmo tempo que se traballaba a motricidade fina. 
Por outra banda, ofrecémoslles pompóns, e coa pinza debían metelos dentro do vaso intentando que cada vaso tivese un pompón.  Unha vez alcanzado iso,  xa lles íamos indicando a cantidade que debía haber en cada vaso, desta forma traballamos diferentes conceptos como as cores, dentro-fora, cantidade, asociación número e cantidade e a motricidade fina entre outras. 


Coñecimos e xogamos coas regletas de Cuisenaire. Os nenos/as descubriron e manipularon as distintas regletas segundo os seus tamaños e cores. Puideron ver como algunhas eran iguais, outras máis pequenas ou máis grandes, xogaron con elas a facer serpes, series grande-pequeno,  clasificáronas segundo as cores, puideron ver que cada cor tiña o mesmo tamaño...ao mesmo tempo que estaban aprendendo. 



A intelixencia lóxico-matemática é un dos tipos de intelixencia descritas polo psicólogo Howard Gardner, e podemos decir que  é a capacidade de razoar para resolver problemas relacionados cos números e as relacións que se poden establecer entre eles.  Grazas a esta intelixencia somos capaces de pensar de foma máis ou menos coherente e razoar lóxicamente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario