mércores, 23 de novembro de 2022

DÍA DA INFANCIA 2022

 


Unha das conmemoracións dentro do calendario escolar é o Día Mundial da Infancia, adicado a todas as nenas e os nenos do mundo. Neste 20 de novembro celebramos todos os adiantos conseguidos na protección da infancia, mais tamén se considera un bo día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e das nenas máis desfavorecidas, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

Tal e como fixemos o curso pasado, unímonos á invitación da Asociación Estatal de Acollemento (ASEAF) a participar no chamado Día do Pixama.
O pixama en calquera fogar simboliza o momento de intimidade familiar ao final do día. Créase o ambiente perfecto para a lectura do conto, ese clima de protección e seguridade que senten os nenos e as nenas antes de irse a durmir.

No noso cole, o alumnado acudiu a clase en pixama para poñer en relevo a realidade que viven máis de 23.000 nenos, nenas e adolescentes en España que medran en centros de acollida.
Celebramos o Día do Pixama no centro polo dereito que teñen todas as nenas, nenos e adolescentes a crecer en familia. Trátase dunha grande experiencia educativa que promove a escola de valores, fomentando a solidariedade, axudando a todos e todas a identificar e expresar sentimentos, emocións e vivencias. E tamén resulta un día divertido que favorece as relacións e permite vivir a escola dunha maneira diferente.

Deixamos unhas fotos proba de todo isto a continuación.

































Ningún comentario:

Publicar un comentario