As excursións de fin de curso deste ano da etapa de Primaria realizáronse no entorno do colexio e durante o horario lectivo. O día 15 de xuño 1º e 2º visitaron as Ecohortas do Concello da Coruña mentres que de 3º a 6º tiveron a sorte de contar co Club 100tolos para participar nunha clase de esgrima repartidos en quendas durante os días 16 e 17 de xuño. Aproveitaron en todos os casos para facer a merendola en espazos abertos e así pasar unha mañá diferente onde poder relacionarse e interactuar fóra do centro.
As Ecohortas municipais son parcelas reservadas tanto para uso particular como para xestión colectiva (centros de ensino, asociacións sen ánimo de lucro ou outros colectivos) cunha clara vocación educativa e integradora (adaptadas algunhas para persoas con mobilidade reducida). Están situadas nas zonas de Agra do Orzán, Novo Mesoiro e o paruqe de Eirís.
O alumnado de 1º e 2º desfrutaron dunha mañá visitando as parcelas, nas cales revisaron os nomes das plantas alí cultivadas e dos apeiros de labranza dispoñibles para poder traballar a terra. Aproveitaron para ver os animais que se encontraban por alí e falar coa veciñanza dos coidados que requiren tanto a terra como o gando.
Despois, fixeron a merenda no Parque Mariñeiros, lugar preto das Ecohortas.
Na mañá do 16 de xuño na primeira quenda 4º e na segunda 6º e a mañá do 17 de xuño 3º e 5º, coñeceron e probaron a facer esgrima.
O Club 100tolos deunos a oportunidade de realizar unha primeira toma de contacto con esta actividade, polo que lle estamos moi agradecidas/os. Desprazámosnos ata as instalacións que dispoñen na Casa da Auga, preto do centro.
A esgrima é o arte do manexo da espada, do florete ou do sable con intención de ataque e defensa. Neste deporte é fundamental respectar o carácter leal e cortés do combate. Cada unha das tres armas é practicada, tanto en categoría masculina como feminina, desde idades ben temperás.
Son valores asociados ao deporte da esgrima: a tradición, a elegancia, o respecto, a educación, o autocontrol, a plástica, a caballerosidade e a cultura. Ademais de contribuír ao desenvolvemento e mantemento das capacidades físicas, é un deporte que potencia cualidades como a velocidade, a capacidade de reacción, o control, o equilibrio, a precisión, a atención ou a concentración.
Despois de escoitar as explicacións dos marabillosos profesionais que nos atenderon pasamos á práctica. Todo o alumnado recibiu un casco protector e unha espada ou florete e nalgún caso tamén unha espada láser coa que se sentiron como auténticos protagonistas de Star Wars.
Logo desta fantástica experiencia realizaron a merenda no exterior antes de volver ao centro.
Aquí podedes velos en acción!
Ningún comentario:
Publicar un comentario