Un día cando chegamos á clase os nenos e nenas de 4º de Educación Infantil, notamos que algo pasara...pois había un pingüín e un iglú cun cartel que nos decía ESTOU PERDIDO. Foron moitas as dúbidas que comezamos a ter, pois descoñecíamos tantas cousas que decidimos pedir axuda ás familias.
Comezou a chegar información, imaxes, contos ....que nos foron axudando cada vez máis. Puidemos ver quenes vivían no Polo Norte e no Polo Sur ata chegar a coñecer onde vivían os pingüíns.
No Polo Norte, vimos que vivían os esquimais, os osos, as focas, as morsas, as baleas.... e incluso profundizamos na vida dos esquimais para saber como eran as súas casas, que comían, como se desprazaban, como se saudaban...
Fixemos un iglú aproveitando así o reforzo do trazo vertical e horizontal e ademáis manipulamos poliespán para simular a neve e facer pequenos bloques de xeo para que o pingüín puidese saltar de bloque en bloque ata nós.
E despois de investigar, puidemos ver que os pingüíns viven no Polo Sur. Miramos onde estaba, en que medio de transporte podíamos viaxar ata alí e dimos por feito que alí facía moito moito frío, xa que un día tivemos que rescatar a Pingüi porque quedou conxelado. Que disgusto...! Puxemos todas as ganas para intentar axudalo e poder sacalo do xeo e por suposto que o conseguimos, pero non foi doado...
Descubrimos que lle encanta comer peixes,por iso todos os días lle pescamos uns pouquiños para comer, mmmm están deliciosos e así traballamos a coordinación óculo-manual.
Ademáis, aproveitando este proxecto fixemos diversas actividades para poder reforzar os contidos establecidos. Repasamos o nome dos animais e as vogais co noso ratiño, que nos axuda a repasar as direccións, os números, as cores....Aproximámonos á lecto-escritura a través dos pictogramas, crebacabezas de diferentes formas, fixemos copos de neve deixando voar a imaxinación, creamos un boneco de neve que era un crebacabezas en 3D. É moi divertido aprender xogando, tanto que nin nos damos conta de que estamos aprendendo.
E como non, tamén fixemos o noso pigüín para levar á casa, e cantamos e bailamos coa canción do pingüín .
Non podíamos rematar este proxecto sen a importancia do cambio climático, pois o quentamento global pon en perigo a moitos animais entre eles o pingüín, polo que falamos sobre algunhas das medidas a ter en conta para axudar ao medio ambiente e aos pingüíns. E para ser máis conscientes deste problema apadrinamos a un pingüín. Podedes pinchar aquí para ver o noso certificado: Certificado de apadrinamento
Foi un pracer, poder axudar a Pingüi. Moitas grazas familias, sen a vosa colaboración non sería tan doado investigar.
Estamos aprendendo moito e iso gústanos un montón!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario