sábado, 20 de maio de 2023

LETRAS GALEGAS 2023

O 17 de maio é a festa da lingua galega, unha celebración institucionalizada pola Real Academia Galega que chega á súa 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, periodista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.

Francisco naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 7 de xaneiro de 1913. Era o primeiro dos once fillos e fillas que tiveron Vicente e Amada.

Os estudos primarios e os primeiros cursos de bacharelato fíxoos en Lourenzá e rematou o bacharelato como interno nun colexio de Monforte de Lemos. Aos dezasete anos Francisco marchou cos seus pais e irmáns a Madrid e matriculouse na facultade de Dereito da Universidade Complutense. Ao volver a Galiza rematou os estudos de Dereito, deu clases en dous colexios de Vigo e traballou nun bufete de avogados desta mesma cidade.

Foi un gran traballador polo idioma galego: escribiu en moitos xornais e revistas, fundou a Editorial Galaxia, presidiu a Fundación Penzol, dirixiu a revista Grial, traballou na BBC (emisora inglesa) facendo programas en galego, foi membro da Real Academia Galega e presidiuna durante catro anos... Tamén escribiu moitos libros: Danzas populares galegas, Historia da literatura galega, Galicia no espello, O Camiño de Santiago, A pesca galega de mar a mar, etc.

Francisco recibiu as Medallas de Ouro de Galicia e a de Castelao e foi precisamente el quen propuxo a creación do Día das Letras Galegas, para homenaxear ás persoas que defenderan o idioma e a cultura galega.

No Colexio traballamos a reo para conmemorar o noso día, deixámosvos coas imaxes.  

EDUCACIÓN INFANTIL





EDUCACIÓN PRIMARIA













Ningún comentario:

Publicar un comentario