É ben sabido por todos que o traballo por proxectos motiva aos nenos e nenas de cara a aprendizaxe, estimula a súa curiosidade e fainos máis creativos e autónomos. Aínda que con algún cambio por mor desta pandemia, durante este trimestre os nenos e nenas de Primaria do colexio Cid desenvolveron algúns proxectos.
Deixámosvos unha mostra dalgunhas das actividades deses proxectos:
Observaron moi de preto como funcionaban os animais sociais. Por un lado, aprenderon a función da raíña dentro do formigueiro e os coidados que recibía das formigas que estaban sempre con ela e, polo outro, viron como foron facendo a transformación os cágados e como tiveron que variar a alimentación dentro do proceso. No último cambio tiveron que trasladalos a un estanque natural.
Tamén coñeceron as partes dunha flor a través da súa disección.
E realizaron incribles maquetas para coñecer os sentidos.
Construiron tamén outro tipo de maquetas para entender un pouquiño mellor a xeometría e os corpos xeométricos.
Ademais coñeceron o mundo das Olimpiadas e a súa Historia a través de diferentes actividades. Unha delas foi unha charla coa ex ximnasta rítmica Marta Bobo, que participou nas olimpiadas do 1984 en Los Ángeles.
Outros nenos e nenas realizaron diferentes actividades dentro do proxecto "O cociñeiro Martiño". Cos contos de "O Cociñeiro Martiño", "O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas", de Iago López, e outros contos dos Bolechas de Pepe Carreiro, os cales usaron de fío condutor, aprenderon contidos da Lingua Galega e de Ciencias Naturais.
Ademais de aprender moitas cousas sobre os cociñeiros, tamén se converteron en periodistas e realizaron unha entrevista a un familiar para coñecer como se cociñaba no pasado e as receitas favoritas dos nosos ancestros.
Ao igual que facía Martiño nos dous contos, plantaron sementes de leitugas, millo e xirasol e tamén observaron como creceron e as dificultades que tiveron algunhas plantas para brotar e medrar.
Relacionado coas hortas e as plantas aprenderon a canción na Horta de Balbina e analizaron as súas rimas coñecendo o que eran os versos e as estrofas.
Deixamos o enlace por se queredes repasala durante o verán que sabemos que vos gustou moito: A horta de Balbina
Unha das últimas actividades que fixeron pero non a menos importante foi a construción dun forno solar. Para facelo utilizaron materiais de refugallo e un pegamento natural feito con auga e fariña.
Con el traballaron o método científico e realizaron hipóteses que comprobaron despois de experimentar con el.
Para rematar o proxecto visitaron as
Ecohortas municipais do Agra do Orzán no que aprenderon un poquiño máis sobre os
distintos tipos de plantas aromáticas, ornamentais e comestibles e sobre as
distintas ferramentas que utilizan os labregos e labregas de Coruña.
Como xa diciamos ao principio da entrada, estas son unha mostra dalgunhas das actividades que se realizaron neste terceiro trimestre pero ao longo do curso realizáronse moitas máis nas que todos os nenos e nenas do Colexio Cid aprenderon moitísimo e se divertiron con elas.
Dende aquí queremos felicitar a todos os peques e non tan peques do cole pola súa paciencia e valentía neste curso tan estrano e especial.
Para o vindeiro curso continuaremos programando máis actividades para aprender moito máis.
Descansade moito pero con sentidiño!!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario