venres, 17 de febreiro de 2023

Concerto Didáctico "Unha banda de Entroido" pola Banda Municipal de Música da Coruña

Cos mandados do Meco incluídos, os curso 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria participaron nas quendas de Concertos didácticos ofrecidos pola Banda Municipal de Música da Coruña no Ágora.

O tema, relacionado coas datas nas cales nos atopamos, foi "Unha banda de Entroido" e estivo narrado e acompañado pola escritora e narradora galega Paula Carballeira.

A través de diferentes obras musicais e contos de hai moito, moito, pero moito tempo, fóronse presentando as familias instrumentais primeiro e cada un dos instrumentos que as compoñen despois. A finalidade era descobrir unha sonoridade moi particular e propia dunha banda sinfónica como a que temos nesta cidade.

Por suposto, houbo momentos para a escoita activa, para acompañar con pitos ao ritmo, para dar palmas e aplaudir, mais tamén para desfrutar de música máis actual con moita batería e incluso voz masculina.

Nós pasámolo en grande! E tanto se queredes repetir experiencia ou vivila por primeira vez, podedes entrar libremente ata completar aforo o sábado 18 de febreiro ás 12h no Ágora.

E non esquezades, que a Banda Municipal realiza concertos no Teatro Colón dentro da súa programación de inverno con entrada de balde os domingos ás 12:15h.










Ningún comentario:

Publicar un comentario