8 de marzo
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Nacións Unidas declara este día como Día Internacional da Muller rememorando o 8 de marzo de 1857, día no que un grupo de mulleres traballadoras dunha fábrica téxtil de Nova York abandonaron os seus postos de traballo para facer unha marcha e protestar polos baixos salarios. Despois de dous anos de reclamacións crearon o primeiro sindicato para esixir os seus dereitos.
É unha data de reflexión sobre os logros políticos, sociais, económicos,
lexislativos e culturais do xénero feminino, unha data de reivindicación sobre
a igualdade de xénero e os dereitos que teñen todas as mulleres do mundo.
É un día para destacar a lacra da violencia machista e sensibilizar ás alumnas e alumnos do colexio Cid acerca dos problemas de desigualdade aos que as mulleres se seguen enfrentando hoxe en día.
Conmemoramos a loita das mulleres ao longo da Historia e apreciamos os logros que alcanzaron para conseguir unha sociedade máis igualitaria e sen estereotipos. Unha loita na que tiveron que enfrontarse á sociedade, auténticas heroínas que abriron camiño ás mulleres que hoxe poden ter dereito ao voto, ter un negocio ou divorciarse.
Recordamos a todas as mulleres que seguen sen ser escoitadas e ás que se lles
seguen negando dereitos básicos como o acceso á saúde e á educación.
É importante que dende o colexio, e a través da educación, fomentemos valores igualitarios e de respecto, nas nenas e nenos, porque ámbolos dous son o noso presente e o noso futuro, e a igualdade só a lograremos tod@s xunt@s.
Relacionado con esta data, e dentro do Proxecto lingüístico do centro, realizamos actividades encamiñadas a dinamizar o uso da lingua galega traballando sobre mulleres galegas actuais no ámbito da Ciencia e do Deporte, mulleres actuais que seguen loitando para que a xeración da igualdade de pleno dereito sexa algún día unha realidade. Escoitamos cancións en galego, vimos vídeos, reflexionamos, debatimos, investigamos, coloreamos, recortamos, ... e aquí tedes unha mostra dos diferentes traballos realizados polas rapazas e rapaces.
Educación Infantil:
Educación Primaria:
"Non hai barreira, fechadura, nin ferrollo que poidan impoñer á liberdade da miña mente"
Virginia Woolf
Ningún comentario:
Publicar un comentario