luns, 10 de xuño de 2024

Saídas escolares marzo-abril-maio 2024

Saída de 4º EP á Compañia de Tranvías
 
O día 13 de marzo o alumnado de 4º de Educación Primaria visitou a Compañía de Tranvías de A Coruña. Nesta saída, puideron coñecer a evolución histórica do autobús na nosa cidade e o seu funcionamento.
 
Tamén afondaron nas normas de seguridade viaria e visitaron as diferentes zonas do taller, onde lles explicaron algunhas curiosidades e mantementos dos buses. Ademais, fixeron un experimento na cámara de pintura que facilitou entender o fenómeno da presión atmosférica.
 
Antes de volver ao colexio, pasaron polo túnel de lavado dentro dun autobús. Foi unha saída na que aprenderon moito!
 




Saída de 1ºEP  ao Castelo de San Antón

O pasado 11 de abril, os nenos e nenas de primeiro visitaron o Castelo de San Antón. Cargad@s de emoción e ilusión, aprenderon unha chea de curiosidades deste Castelo, como os cambios que sufriu ao longo do tempo: pasando de ser unha parte importante da vixilancia da cidade a un cárcere; e finalmente, un dos nosos museos máis importantes.  

Aprenderon sobre Xerión e Hércules, sobre diferentes épocas da historia e dalgúns “tesouros” que alí se gardan. Pero, sen dúbida, o que máis lles gustou foi …o “pozo dos desexos”!

Foi unha mañá soleada e cargada de experiencias marabillosas. Pasámolo xenial!


Saída de 3° EP a Casa Picasso

En pleno ensanche coruñés, no segundo piso da rúa Paio Gómez, flanqueada por dúas das prazas máis importantes da cidade como son Praza Pontevedra e a Praza de Lugo, viviu entre 1891 e 1895 a familia Ruiz Picasso co seu fillo Pablo. Este chegaría a ser un dos pintores máis destacados do século XX. Visitamos todas as dependencias do piso, desde o dormitorio ata o seu ligar favorito para pintar e os utensilios que utilizou. Despois pasamos un bo rato facendo as nosas propias esculturas cubistas combinando os paneis que nos ofreceron.






Saída de 1º EP ao Museo de Belas Artes

O día 13 de maio, a rapazada de 1º de Educación Primaria visitou o Museo de Belas Artes da cidade, un dos espazos culturais máis destacados de Galicia.
Alí aprenderon cales foron as orixes dos primeiros retratos, características das obras de artistas, como  Luís Seoane, e sobre todo, a relevancia dos museos para coidar a memoria da nosa historia. Foi unha mañá moi especial, onde aprendemos moitas cousas interesantes. Que bela é a arte! E cantos artistas hai no noso cole!





 
Saída de 4º EP a Casa das Ciencias

O día 13 de maio, o alumnado de 4º de Educación Primaria tivo a oportunidade de visitar a Casa das Ciencias. Durante a excursión, estiveron nas distintas plantas do museo, onde puideron adquirir novos coñecementos a través da experiencia. Ademais, gozaron dunha sesión no planetario sobre os exoplanetas. Foi unha xornada enriquecedora que espertou a curiosidade do estudantado e reforzou os coñecementos adquiridos na aula.