Plan de convivencia

Tal como se recolle no artigo 6 do Decreto 8/2015, creouse no noso cole unha comisión de convivencia co
obxectivo de desenvolver unha educación en valores en todas aquelas actividades que se realicen no Centro, establecer e manter as condicións necesarias para a mellora da convivencia e do clima xeral do Colexio Cid, impulsar as actividades e actuacións que favorezan a interrelación persoal de todos os que participan na vida do Centro, etc. facendo posible a transmisión de ideas e propostas, o debate, o diálogo e o consenso a través de adecuadas e eficaces canles de comunicación.

Tendo en conta isto neste curso 23-24 estamos a realizar diferentes talleres e actividades seguindo a formación e consellos tanto da convocatoria de Educaixa de 2023 que premia a centros con proxectos transformadores de innovación educativa coma de Unicef. 

Como ben sabedes, o colexio Cid é un centro pequeno e familiar onde todos nos coñecemos e no que os alumnos pasan ás veces ata nove anos de convivencia co mesmo grupo de estudantes, creando relacións interpersonais baseadas nos valores de amizade, solidariedade e tolerancia.



Consideramos que é moi necesario que exista unha boa convivencia tanto nas aulas como fóra delas para que os nosos pequenos e pequenas desenvolvan a súa personalidade nun ambiente de calma e respecto. Deste xeito dende ben pequenos desenvolvemos nas aulas programas para unha boa adquisición de habilidades e competencias sociais.

As habilidades e competencias sociais son un conxunto de hábitos ou estilos (que inclúen comportamentos, pensamentos e emocións) entre os que están: asertividade, empatía, saber escoitar, definir un problema, avaliación de solucións, negociación, capacidade de desculpa.


Este tipo de programas pretende:


  • Potenciar o contacto da persoa cos seus sentimentos, favorecendo tanto a súa identificación como a súa expresión.

  • Desenvolver e construír habilidades de comunicación, é dicir, capacidade de emitir e recibir mensaxes a través da comunicación verbal e non verbal.

  • Clarificar valores, saber tomar decisións, analizar a conduta, cooperar con outros, aprender a resolver conflitos e aprender a organizarse.


As competencias socioemocionais permiten:


  • Mellorar o clima de convivencia da aula e no centro.

  • Favorecer o rendemento académico.

  • Mellorar as relacións interpersoais.



Rincón de resolución pacífica de conflitos no patio interior:





Outras medidas que tomamos para mellorar as relacións interpersoais son:


  • Potenciar a participación de todo o alumnado nos xogos e outras actividades evitando as exclusións. (Patios dinámicos)

  • Ensinar a dialogar como un medio para confrontar ideas, defender os nosos puntos de vista, argumentalos, fomentando todas as actitudes básicas que o fan posible (escoita, comprensión, respecto das formulacións das outras persoas, argumentación, sinceridade e calma...), para facer do diálogo unha estratexia habitual nas situacións da vida do centro.

  • Incrementar as actividades en parellas, pequenos grupos, grandes grupos dos alumnos.

  • Potenciar o traballo en equipo do profesorado como modelo do traballo en equipo do alumnado e como medio para desenvolver un proxecto común de centro e desenvolver unha cultura de colaboración.

  • Educar sentimentos, actitudes e valores, ensinando a:

  • Expresar adecuadamente as emocións, recoñecer as dos demais e asumir actitudes de respecto cara ás emocións dos demais.

  • Desenvolver a empatía, poñéndose no lugar dos outros.

  • Coñecer as consecuencias emocionais que poden ter as formas de relacionarse cos compañeiros e compañeiras.

  • Ser asertivos superando a timidez e a inseguridade.

  • Traballar na clase sobre modos adecuados de relación: falar, escoitar con respecto aos demais...

  • Proporcionarlle ao alumnado unha educación para a igualdade entre mulleres e homes e regular e explicitar nas NOF do centro as medidas de corrección de comportamentos sexistas.


Ademais de levar a cabo todas estas actuacións en cada aula e durante os patios e celebracións, o curso 22/23 estamos a realizar semanalmente talleres para traballar as habilidades sociemocionais de maneira conxunta con outras aulas. Aquí podedes ver algunas das actividades que se están a realizar.










Ningún comentario:

Publicar un comentario