martes, 29 de xuño de 2021

Saídas Fin de Curso 2020-2021

As excursións de fin de curso deste ano da etapa de Primaria realizáronse no entorno do colexio e durante o horario lectivo. O día 15 de xuño 1º e 2º visitaron as Ecohortas do Concello da Coruña mentres que de 3º a 6º tiveron a sorte de contar co Club 100tolos para participar nunha clase de esgrima repartidos en quendas durante os días 16 e 17 de xuño. Aproveitaron en todos os casos para facer a merendola en espazos abertos e así pasar unha mañá diferente onde poder relacionarse e interactuar fóra do centro.
As Ecohortas municipais son parcelas reservadas tanto para uso particular como para xestión colectiva (centros de ensino, asociacións sen ánimo de lucro ou outros colectivos) cunha clara vocación educativa e integradora (adaptadas algunhas para persoas con mobilidade reducida). Están situadas nas zonas de Agra do Orzán, Novo Mesoiro e o paruqe de Eirís.

O alumnado de 1º e 2º desfrutaron dunha mañá visitando as parcelas, nas cales revisaron os nomes das plantas alí cultivadas e dos apeiros de labranza dispoñibles para poder traballar a terra. Aproveitaron para ver os animais que se encontraban por alí e falar coa veciñanza dos coidados que requiren tanto a terra como o gando.

Despois, fixeron a merenda no Parque Mariñeiros, lugar preto das Ecohortas.









Na mañá do 16 de xuño na primeira quenda 4º e na segunda 6º e a mañá do 17 de xuño 3º e 5º, coñeceron e probaron a facer esgrima.
O Club 100tolos deunos a oportunidade de realizar unha primeira toma de contacto con esta actividade, polo que lle estamos moi agradecidas/os. Desprazámosnos ata as instalacións que dispoñen na Casa da Auga, preto do centro.
A esgrima é o arte do manexo da espada, do florete ou do sable con intención de ataque e defensa. Neste deporte é fundamental respectar o carácter leal e cortés do combate. Cada unha das tres armas é practicada, tanto en categoría masculina como feminina, desde idades ben temperás.
Son valores asociados ao deporte da esgrima: a tradición, a elegancia, o respecto, a educación, o autocontrol, a plástica, a caballerosidade e a cultura. Ademais de contribuír ao desenvolvemento e mantemento das capacidades físicas, é un deporte que potencia cualidades como a velocidade, a capacidade de reacción, o control, o equilibrio, a precisión, a atención ou a concentración.
Despois de escoitar as explicacións dos marabillosos profesionais que nos atenderon pasamos á práctica. Todo o alumnado recibiu un casco protector e unha espada ou florete e nalgún caso tamén unha espada láser coa que se sentiron como auténticos protagonistas de Star Wars.
Logo desta fantástica experiencia realizaron a merenda no exterior antes de volver ao centro.


















Aquí podedes velos en acción!




venres, 25 de xuño de 2021

O 5 de xuño celebramos o día do Medio Ambiente

Como cada ano, o 5 de xuño facemos especial fincapé no día do Medio Ambiente, para non esquecernos de que esta labor é do día a día.  

O noso planeta está sufrindo moito,  debido aos actos dos que vivimos nel e é por iso que debemos reflexionar para  salvar o noso planeta, as nosas vidas e que mellor, que facelo dende os primeiros anos de vida.

Para conmemorar o día: 

- Os máis pequenos poideron ver onde vivían, e como había que facer para coidar o noso planeta. Poideron ver como os plásticos rematan moitas veces no mar e o dano que lle fan ós animais mariños. Para iso contribuiron a sacar plásticos e ver como debe estar o mar e a onde hai que tirar os plásticos. 

Ademais investigamos como podía crecer unha planta e que coidados necesitaba, e que mellor forma de aprender, que vivindo a experiencia, polo que plantaron unha faba na súa maceta do planeta Terra. Con moita responsabilidade, levárona para ás súas casas e ahí comprometéronse a coidala moito. 




Observamos distintos animaliños e coñecemos a importancia que teñen, ata o máis pequeno, para ter un ecosistema equilibrado. Tamén observamos o noso planeta coa súa auga e a súa terra e gozamos coloreando e explorando as posibilidades da mezcla de cores do noso Planeta.



 
Transplantamos unha árbore e coñecemos as necesidades das árbores e a importancia da terra e dos seus nutrientes. Tamén aprendemos que non só temos que coidar aos animais e ás plantas, senón tamén a terra que pisamos.

Outros saíron á rúa para lembrar a importancia de reciclar. 






Tamén se fixeron xoguetes reciclados, para concienciar dos posibles usos que se lle poden dar aos envases. 






Mediante un xogo recordamos a importancia de distribuir os residuos nos contedores adecuados para o seu tratamento e repasamos a clasificación en materia orgánica ou inorgánica.

 



Procuremos sempre que os nosos actos deixen unha pegada verde no noso camiño.

sábado, 19 de xuño de 2021

 PROXECTO SEMENTE 2021

Este ano, @s alumn@s de 6º de Primaria participaron no Proxecto Semente que quedara sin rematar o curso pasado por mor da pandemia.

Este proxecto fomenta o espírito emprendedor creando e xestionando unha cooperativa escolar na que fabricaron durante o curso produtos que posteriormente venderon no mercado que se celebrou o 28 de maio na Plaza de María Pita.

Tiveron que elexir de forma democrática representantes, asinar estatutos e buscar un nome e un logo para a súa cooperativa.

Decidiron centrar os seus produtos no tema Mario Bross e foi todo un éxito, porque venderon todo o que comenzaran a facer o curso pasado e que remataron este curso.


Ademais, disfrutaron dunha tarde de lecer na que, ademais de traballar, merendaron e bailaron.











Ben feito, rapaces e rapazas de 6º!

Noraboa polo voso traballo en equipo e grazas a tódalas familias e compañeir@s que nos apoiaron!

mércores, 9 de xuño de 2021

17 DE MAIO: DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

 O pasado 17 de maio foi un día especial na nosa comunidade, xa que é o día de celebrar a festividade das Letras Galegas. Este ano, por quinta vez dende que existe esta celebración (1963), a protagonista é unha muller, Xela Arias. 

Escritora, tradutora de moitos libros, poeta e colaboradora de revistas e xornais, Xela súmase a esa lista de mulleres que comezaron con Rosalía de Castro a loitar polo rexurdimento da literatura galega. A protagonista das Letras Galegas deste ano, foi toda unha referente, con ideas moi claras para loitar e reinvindicar a nosa lingua.

Dende as nosas clases, o alumnado traballou sobre a festividade de Galiza realizando moitas actividades sobre Xela: pintaron debuxos, realizaron murais e estiveron estudando e aprendendo sobre a súa vida.



















Ademais de todo o traballo sobre Xela, dende as nosas clases tamén se celebrou a festividade de Galiza xogando a diferentes xogos populares e tradicionais de sempre, onde os nenos e as nenas pasárono xenial xogando como o facían as nosas avoas e avós cando eran xóvenes.







En 6º levamos a cabo un proxecto moi especial: presentarnos ao concurso da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia "Cantamos coas mans".
Para isto, seleccionamos un poema de Xela Arias do seu libro "Darío a diario" e adaptamos a letra á melodía "La Sansonette" do Grupo Os Cempés. Fixemos a interpretación en lingua de signos combinado con percusión corporal, danza e baile con panos. Un espectáculo que pretende integrar os distintos tipos de comunicación, a cultura galega e o arte en xeral.




Xa está aberto o período de votacións para acadar o premio do público. De feito, termina mañá xoves 10 de xuño ás 12h!
Necesitamos da vosa axuda. Seguide o seguinte enlace e vota polo Colexio Cid e o seu vídeo "Dis mamá" en dous sencillos pasos: