venres, 30 de novembro de 2018

A nosa Hortiña

Este ano como novidade, dentro do proxecto "Escoita a nosa Terra", contamos cunha horta nos aledaños do Ágora.

O que se pretende é que os nosos/as alumnos/as apredan a respectar o traballo no campo e , máis sinxelo todavía, que aprendan a ter paciencia e unha boa actitude no tempo de espera. En pleno s. XXI os/as nenos/as están acostumados á inmediatez e, as veces, cando non consiguen o que queren  rapidamente, frústranse.

Na natureza non é así, todo acontece lentamente e, as veces, todo o traballo vaise pola borda en cuestión de segundos.

Os primeiros en ir foron os alumnos/as de 5º e 6º curso que aprenderon  a traballar a terra, descubriron a importancia dos insectos e plantaron repolos, cebolas, grelos, berzas e brécol.

Agora, toca esperar...




Todos aqueles que o desexen poden visitar a nosa horta ubicada diante do centro Ágora 


xoves, 29 de novembro de 2018

25 DE NOVEMBRO

O domingo celebrouse o día  mundial contra a violencia de xénero, por iso o noso centro como "Espazo libre de violencia" temos o firme compromiso de educar ao noso alumnado baixo uns valores de igualdade, tolerancia, respecto hacia os demais e xustiza.


















Porque elas e eles son o futuro.

mércores, 21 de novembro de 2018

O nosos dereitos

As nenas e nenos de cuarto e sexto de infantil celebraron o día da infancia con diferentes actividades.


Por un lado, os peques de 3 falaron sobre algúns dos dereitos que teñen como o dereito a ir a un médico para que os curen, dereito á educación para poder ir a un cole e aprender moitas cousas , dereito a xogar...  Chloe dicíanos que xa non tiña catarro porque o médico lle axudara a curalo.


Ademais elaboraron o seu propio xoguete, reciclando material, e así poder divertirse xogando. Cun vaso de iogur e un anaco de la e plastilina realizaron un dos xogos tradicionais máis populares no noso cole.




Debían intentar meter dentro do vaso a boliña, ou facela bailar, ou darlle pequenos botes simulando un ioió...deixando voar a imaxinación de cada nen@ e as súas posibilidades. Que ilusión lles fixo ver o resultado final do proceso!!


                                         


Por outro lado, os nenos e nenas de 5, ademais de falar tamén dos seus dereitos realizaron un fermoso mural. Aquí podedes ver o resultado final e a satisfaccións dos nen@s do traballo realizado.







Tamén viron un video dun guiñol que lles explicaba os seus dereitos e deberes e aprenderon unha canción sobre os dereitos universais dos nenos. Deixamos os enlaces por se queredes desfrutar deles na casa.





Todas as nenas e nenos deben xogar e divertirse xa que é a base para o seu desenvolvemento. Os xogos fomentan o desenvolvemento físico e intelectual do pequeno, potencian a súa creatividade e prepáraos para vivir nunha sociedade con regras e normas. As actividades lúdicas tamén aseguran que as nenas e os nenos teñan unha infancia saudable a nivel físico e emocional. Por iso é tan importante que todos xoguen con outros nenos e nenas do seu entorno.



martes, 20 de novembro de 2018

Xogando coas decenas

A decena é un concepto abstracto das matemáticas que polo xeral é difícil de entender para os nenos e nenas de seis anos. É por isto que durante o último mes levamos feito diferentes actividades manipulativas coas cales os nenos e nenas van interiorizando este concepto. Hoxe, para celebrar o día da infancia realizamos unha destas actividades con globos. Pasámolo moi ben xogando coa plastilina e cos globos ao mesmo tempo que imos aprendemos e entendendo o que é unha ou dúas decenas e ademais deste xeito, tamén traballamos a motricidade fina.


Aquí podedes ver algunhas das fotos desta sesión e doutras que fixemos ao longo deste último mes.





Intelixencia lóxico-matemática

Traballamos a intelixencia lóxico- matemática ao mesmo tempo que xogamos. Parécenos que soamente estamos xogando, pero ademais estamos a aprender moitas cousiñas: clasificamos segundo a cor, buscamos pezas que sexan iguais para que se manteña o equilibrio, intentamos buscar pezas que  poidan entrar polos ocos...

Ademais introducímonos no mundo da robótica. Axudamos ao noso ratonciño a que chegue ao lugar indicado, tiramos o dado, contamos cantos círculos saíron e buscamos o número que representa na base.  Unha vez que o atopamos, contamos cantos cadrados ten que andar o noso ratonciño para chegar ata el. É moi divertido e estamos moi atentos a ver se chega ou necesita que lle volvamos a axudar. Cada vez que chega, necesitamos expresar as nosas emocións cun aplauso xigante. 


Tamén xogamos a introducir as pezas. Nesta situación, simplemente se lles deron as pezas e as bandexas e eles mesmos descubriron que uns pauíños podían levar máis pezas e outros menos, acadando un dos obxectivos da actividade, ao mesmo tempo que se traballaba a motricidade fina. 
Por outra banda, ofrecémoslles pompóns, e coa pinza debían metelos dentro do vaso intentando que cada vaso tivese un pompón.  Unha vez alcanzado iso,  xa lles íamos indicando a cantidade que debía haber en cada vaso, desta forma traballamos diferentes conceptos como as cores, dentro-fora, cantidade, asociación número e cantidade e a motricidade fina entre outras. 


Coñecimos e xogamos coas regletas de Cuisenaire. Os nenos/as descubriron e manipularon as distintas regletas segundo os seus tamaños e cores. Puideron ver como algunhas eran iguais, outras máis pequenas ou máis grandes, xogaron con elas a facer serpes, series grande-pequeno,  clasificáronas segundo as cores, puideron ver que cada cor tiña o mesmo tamaño...ao mesmo tempo que estaban aprendendo. 



A intelixencia lóxico-matemática é un dos tipos de intelixencia descritas polo psicólogo Howard Gardner, e podemos decir que  é a capacidade de razoar para resolver problemas relacionados cos números e as relacións que se poden establecer entre eles.  Grazas a esta intelixencia somos capaces de pensar de foma máis ou menos coherente e razoar lóxicamente. 

sábado, 17 de novembro de 2018

Lecturas de outono

Aproveitando o bo tempo destes días, o mércores baixamos con Tico ao parque das Pontes.

Alí os/as alumnos/as de 5º e 6º de primaria léronlles, aos peques de infantil; poesías, adiviñas e cancións relacionadas co outono.

Tamén os/as alumnos/as de 6º de infantil recitaron unha fermosa poesía.









Para rematar a saída, os peques de infantil estiveron xogando e recollendo follas do outono para realizar máis actividades nas súas aulas.



E o xoves tocoulle o turno a 1º e 2º de primaria que demostraron os seus avances na lectura.
Para finalizar  descubriron no parque cales eran as árbores de folla caduca e perenne e recolleron as súas follas marróns e amarelas.








martes, 13 de novembro de 2018

ELECCIÓNS RENOVACIÓN PARCIAL CONSELLO ESCOLAR

 


De conformidade co establecido na Resolución conxunta do 25 de setembro de 2018 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (DOG do 08/10/2018), a XUNTA ELECTORAL deste Centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar segundo as seguintes normas:

1. De acordo á normativa vixente corresponde este ano corresponde elixir no presente proceso electoral a 2 pais/nais, dun total de 4 que debe ter o Consello Escolar. Os outros 2 representantes de pais/nais continúan como consecuencia da súa elección anterior no ano 2016. O quinto representante dos pais/nais será designado pola ANPA do Centro.

2. Son electores todos os pais/nais ou, se é o caso, os titores legais do alumnado matriculado no Centro e incluídos no censo correspondente que dende do día 9 de novembro está á vosa disposición na secretaría do Centro. As reclamacións ao referido censo realizaranse mediante escrito razoado dirixido á Xunta Electoral, ata as 14, 00 horas do día 16 de novembro.

3. Son elixibles os pais nais ou, se é o caso, os titores legais, que formulen a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitará na secretaría do Centro ou no blogue do Centro. As candidaturas poderán ser presentadas ata as 14, 00 horas do día 19 de novembro.

4. O sorteo dos membros da mesa electoral realizarase en acto público, entre os pais que non se presenten como candidatos, o día 20 de novembro, ás 14,10.Dita mesa electoral estará composta pola Dirección do Centro, que exercerá a presidencia, e catro pais/nais ou titores legais, actuando de secretario o de menor idade.

5. O día 21 de novembro publicaranse as candidaturas admitidas.

6. A campaña electoral comprenderá dende o 22 ao 28 de novembro, ambos días inclusive.

7. As votacións realizaranse o 28 de novembro desde as 8, 50 ata as 9.15 e das 13, 45 ata as 14, 30. Cada elector deberá acreditar a súa personalidade mediante a presentación do documento nacional de identidade ou calquera outro documento acreditativo. Na papeleta de votación cada elector fará constar un máximo dun nome dos candidatos presentados.

8. Teñen dereito ao voto o pai e a nai ou, se é o caso, o titor/a legal do alumnado.

9. Finalizada a votación procederase ao escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para o seu envío á Xunta Electoral do Centro.

10. A Xunta Electoral do Centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.

Resolución do 25 desetembro de 2018, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos 

Modelo Candidatura 

luns, 12 de novembro de 2018

Festas Populares

Un ano máis chega o outono cargado de cores, choiva e...celebracións!

A semana pasada realizamos un montón de actividades:

Samaín 

O colexio apareceu decorado misteriosamente e as arañas, morcegos e cabazas apareceron en tódolos lugares.




A biblioteca promoveu varias actividades. Por unha banda apareceron os cemiterios de contos onde os rapaces, mediante un conxuro, estiveron a resucitar contos para poder desfrutar da súa lectura.


















E realizouse o VIII concurso de "Relatos monstruosos" onde houbo traballos moi orixinais. 


Noraboa ás gañadoras!




Nas aulas os pequerrechos decoraron cabazas, fixeron arañas, caveiras mexicanas  e...Pantasmiñas!!


Booooh!









Magosto 

Esta festa tradicional  traballouse de distintas maneiras:


  • Dentro da aula, para distinguir os distintos tipos de castañas, o seu ourizo e a súa árbore.







  • E fóra da aula, todos xuntos/as, celebramos unha gran castañada no patio, desfrutando de xogos populares.









xoves, 8 de novembro de 2018

FORMACIÓN PARA PAIS E NAIS




Dende a Consellería de Educación, a través da Rede de Formación, están a desenvolverse actividades dirixidas ás familias do alumnado con diversas temáticas e formatos. Entre elas vai levarse a cabo o curso “Atención a urxencias sanitarias para familias” con dous obxectivos básicos:
- Coñecer e dominar as técnicas de primeiros auxilios e atención a urxencias sanitarias definidas no protocolo da Consellería.
- Ser quen de actuar de xeito eficiente e seguro en caso de incidencias urxentes que afecten á saúde da Comunidade Educativa.

Para iso, e coa colaboración do 061, trataranse os seguintes contidos:
- Primeiros auxilios e atención a urxencias sanitarias no ámbito educativo: protocolos de actuación.
- Rexistro, xestión e notificación de urxencias sanitarias no ámbito educativo.

As datas concretas serán, 26-27-28 de novembro, en tres sesións de tres horas cada unha (de 17:30 a 20:30). O lugar de celebración será nas instalacións do CFR de A Coruña. 

As persoas que estean interesadas,  teñen que enviar un correo no que indiquen o seu nome e apelidos, e datos de contacto (teléfono, correo electrónico) así como o nome do centro a: cfr.coruna.linguisticosocial2@edu.xunta.es, antes do vindeiro 19 de novembro. A inscrición no curso será por orde de chegada ata cubrir o número de prazas (30).